Marta Lois asiste ao peche do proxecto de aprendizaxe e servizo realizado en colaboración coa Facultade de Ciencias Económicas

18/07/2018 A Concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo, Marta Lois acudiu hoxe ao acto de peche do proxecto de aprendizaxe-servizo Universidade, sociedade e desenvolvemento. A aprendizaxe-servizo no eido do desenvolvemento local, no que estivo acompañada pola vicerreitora de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo; pola decana da Facultade de Ciencias Económicas, Emilia Vázquez, e polo profesorado a cargo do proxecto.

A través deste proxecto, seis grupos de alumnas e alumnos da materia de Desenvolvemento Rexional e Desenvolvemento Local de terceiro curso do Grao en Economía, que imparten Manuel González e Carmela Sánchez, realizaron unha análise socieconómica dos barrios e parroquias de Conxo, Sar, Lavacolla, Laraño, Pontepedriña e Fontiñas. Para a realización desta análise, ademais da investigación teórica da historia e características socioeconómicas do espazo, mantiveron entrevistas coas persoas responsables dos centros socioculturais, representantes da veciñanza, asociacións e tecido económico de cada espazo. Todos os equipos participantes estudaron tamén a EDUSI ReVive Santiago para formular propostas coherentes coa estratexia marco de desenvolvemento sostible integrado do Concello de Santiago.

Nas conclusións dos traballo recóllense peticións das persoas interesadas para a mellora destes barrios e parroquias en materia de infraestruturas, dinamización comercial, valorización do patrimonio para a súa explotación turística, novos establecementos comerciais e servizos demandados pola veciñanza. Estas conclusións serán incorporadas polo Concello na programación das actividades de dinamización socioeconómica no marco dos programas municipais Compostela Móvese e Aposta polo teu barrio, e daráselle traslado aos outros departamentos municipais con competencia nas demandas formuladas para a súa valoración.

A aprendizaxe-servizo pode ser descrita como unha metodoloxía educativa que integra os procesos de aprendizaxe coa realización de tarefas de servizo á comunidade. Nun marco de reciprocidade, o alumnado traballa sobre as necesidades reais da contorna o que lle permite mellorar o coñecemento nunha disciplina e ampliar a súa responsabilidade social. A Universidade de Santiago de Compostela implantou estes proxectos no curso académico 2016-2017.



Compartir:
aprendizaxe USC barrios parroquias EDUSI