ACCESO AO FINANCIAMENTO OPERATIVO DAS PEMES

Convenio de colaboración entre o Igape, as sociedades de garantía recíproca e as entidades financeiras adheridas (Resolve 2018)

22/08/2018

Poderán acollerse a este programa de apoio aquelas pequenas e medianas empresas que formalicen un préstamo que se destine ao financiamento do seu activo corrente, entendendo como tal o pagamento de nóminas aos traballadores, tributos, cotas á Seguridade Social, gastos de alugamento, pagamentos a provedores e a acredores por prestación de servizos, cotas de débedas bancarias a longo prazo e cotas de leasing que venzan durante o período de disposición do préstamo formalizado ao abeiro desta liña, así como a cancelación anticipada de pólizas de crédito ou préstamos destinados á mesma finalidade, que venzan durante o devandito período de disposición. En ningún caso poderán aplicarse a financiar investimentos en inmobilizado ou en activos financeiros. O importe do préstamo subsidiable será igual ou superior a 3.000,00 € e igual ou inferior a 500.000,00 €.

1. O tipo de xuro nominal anual para as operacións de préstamo acollidas a estas bases e o seu sistema de variación establécense do seguinte xeito: Tipo de referencia: será o euribor a prazo de 6 meses. As revisións faranse semestralmente. Tipo adicional: será o que libremente pacten as partes sen que, en ningún caso, poida exceder de 2,5 puntos porcentuais. O tipo de xuro nominal anual dos préstamos será, para cada semestre natural, o resultante de engadirlle ao tipo de referencia o tipo adicional que pacten as partes. 2. Se o euribor ao prazo establecido deixase de determinarse, aplicarase o que legalmente o substitúa. 3. As comisións máximas que a entidade financeira poderá repercutir en conceptos de apertura e estudo será do 0,60 %. Para as comisións de estudo e apertura, conxuntamente, a entidade financeira poderá estipular un mínimo de ata 30,00 €. Para estes efectos, non se considerará comisión o cobramento da tarifa de reclamación de posicións debedoras. 4. As SGR poderán cobrar ao cliente ata o 0,50 % en concepto de comisión de estudo, ata o 1,00 % en concepto de comisión de aval, calculado sobre o saldo vivo anual do importe avalado, e ata o 4,00 % do importe do financiamento avalado en concepto de aportación ao capital social da SGR, que se aboará ao inicio da operación. O cliente poderá solicitar o reembolso da participación social unha vez remate a súa relación coa SGR. 5. A garantía a favor das entidades financeiras será o aval da SGR adherida ao convenio, polo 100 % do risco. 6. As garantías a favor da SGR consistirán no reaval do Igape en cobertura de ata o 25 % do risco, e como garantía adicional poderán requirir garantías persoais, pero en ningún caso depósitos de activos líquidos ou financeiros que poidan detraer liquidez da empresa. As SGR tamén poderán contar con reavais e achegas de organismos públicos e outros dependentes da Administración.

Axuda en forma de garantía. Consistirá no reaval do Igape durante a vixencia da operación de préstamo, en garantía de ata o 25 % do risco asumido pola SGR. Seguindo os criterios establecidos na Comunicación da Comisión 2008/C155/02 relativa á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE das axudas estatais outorgadas en forma de garantía, considérase como axuda indirecta a equivalente ao importe da prima non cobrada ao beneficiario.

Solicitude:

Para presentar unha solicitude de axuda, o interesado deberá cubrir previamente un formulario descritivo da empresa, do proxecto e da operación financeira a través da aplicación establecida no enderezo da internet http://www.tramita.igape.es, accesible desde a sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal.


Prazo:

O prazo de presentación de solicitudes por parte dos interesados no Igape comezará o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e rematará o 31 de outubro de 2018


Estado da convocatoria: En prazo de inscrición

Compartir: