Accións Compostela Móvese 2017 Economía Social

Dende o goberno municipal consideramos que a recuperación económica só é posible se somos capaces de desenvolver un novo modelo que non se preocupe tanto das grandes cifras económicas, senón da situación das persoas e do aproveitamento das súas capacidades para crear proxectos nun marco laboral de calidade. Este modelo baséase nunha concepción social e colaborativa da economía que sitúa ás persoas no centro do proceso e permite xerar valor social e desenvolvemento económico.

Dende o goberno municipal estamos comprometidos co impulso deste novo modelo económico social e colaborativo na cidade. Sabemos que será un proceso difícil e complexo. Pero o noso compromiso é firme. Non se trata só dunha liña de traballo dun departamento concreto, senón que se trata dunha estratexia transversal que impregna toda a actividade municipal.

No ano 2015 creamos o programa de promoción económica Compostela Móvese programa que recolle as múltiples actividades que desenvolve a Oficina de Promoción Económica municipal para impulsar un novo modelo económico para Santiago, apoiándose nas principais fortalezas da cidade: capitalidade, proxección internacional, universidade, cultura e patrimonio e cumprimento dos criterios de sustentabilidade do territorio. Neste programa a aposta pola Economía Social recóllese coma un obxectivo fundamental do mesmo.

Axudas a empresas con especial atención ás fórmulas de economía social, posta en funcionamento de grupos colaborativos de busca activa de emprego e emprendemento como o proxecto Colabora, acción de fomento da colaboración entre o tecido empresarial xa constituído como o Proxecto Caramoniña ou o I Foro de Economía Social Inspiradora. Emprender na Adversidade celebrado en decembro de 2016 ano son algunhas das iniciativas a destacar deste programa.

Os obxectivos para este ano 2017 son consolidar como servizos abertos á cidadanía as experiencias que ata agora eran programas con data de inicio e fin. En base á esa necesidade a partir de outuno o CERSIA contará dun Servizo de Emprendemento Colaborativo e cun Servizo de busca de emprego Colaborativo que funcionarán de xeito continuado e permitirán traballar os procesos de busca de emprego e emprendemento de xeito grupal e aberto, buscando a cooperación entre as persoas.

Para conquerir este obxectivo o Concello contará coas seguintes liñas de traballo en materia de Economía Social no marco do programa Compostela Móvese 2017:

  1. “Axudas á empresas de recente creación” Compostela Móvese: modificanse de novo as bases do programa de axudas á empresas para primar ás cooperativas de traballo asociado e ás sociedades laborais con 2000€ máis de axuda que outras fórmulas empresariais. Se unha empresa convencional pode ter aceso a unha axuda por importe de 3.000,00€; as de economía social poden ter aceso a unha axuda de 5.000,00€.
  2. Xornadas de Economía Social: adicarase a segunda edición das mesmas de xeito íntegro áo cooperativismo e mantendo a filosofía do foro como espazo de celebración, encontró e inspiración para as persoas que buscan un espazo na nova economía do ben común, nunha xornada que se celebrará a primeira semana de outubro. Na primeria Xornada de Economía Social organizada en decembro participaron máis de 150 persoas.
  3. Almorzos con… de carácter mensual con inicio en setembro para dar a coñecer as boas prácticas en materia de economía social, emprendemento cooperativo, responsabilidade social empresarial e economía circular presentes no Concello de Santiago de Compostela. De carácter aberto con esta iniciativa preténdese crear un espazo de continuidade no CERSIA Empresa para a reflexión e a formación nas posibilidades da economía social e as novas economías.
  4. Servizo de Emprendemento Colaborativo: Programa de apoio na elaboración e posta en funcionamento de proxectos cooperativos e colaborativos en materia de emprendemento, así como na elaboración de accións de promoción e colaboración entre empresas xa constituídas. Esta acción da continuidade ao proxecto piloto de colaboración empresarial baseado na confianza mútua e no que iniciativas empresariais xa establecidas son capaces de vincular a novas persoas en dinámicas de emprendemento cooperativo artellando actividades conxuntas de dinamización económica.
  5. Proxecto “Colaboractiva”: Servizo de busca de emprego Colaborativo para o apoio na busca activa de emprego e intraemprendementos, no que se combinan accións colectivas de formación con titorías persoalizadas. Con este servizo búscase mellorar a formación das persoas para que afronten a súa vida profesional en dinámicas de creación de iniciativas  autolideradas e autoxestionadas, seguindo os principios da economía social e colaborativa e dotándoas das competencias precisas para afrontar con éxito os retos profesionais da nova economía
  6. Apertura das instalacións do CERSIA Empresa ás entidades e empresas adheridas á Rede EUSUMO da Xunta de Galicia. O pasado 19 de maio aprobáronse unhas Normas de Uso dos Espazos do CERSIA Empresa así como a instancia modelo de solicitude dos mesmos que están a disposición do público na web do CERSIA Empresa.

O catálogo de Economía Social xa está dispoñible tamén aquí para todas as persoas que queiran descárgalo, así como un formulario para as empresas de economía social do Concello de Santiago  que desexen ser incluídas no mesmo na actualización que se realizará en setembro de 2017.

O programa Compostela Móvese 2017 conta con un orzamento de 235.000,00€ dos que 80.000,00 se adican á axudas á empresas de recenté creación e outros 80.000,00€ ás accións de fomento da economía social e colaborativa descritas.



Compartir:
Economía Social