Economía
Obxectivo do Goberno municipal para Promoción Económica é xerar o clima axeitado para que Santiago se convirta nun modelo de xestión e de crecemento económico. Iso inclúe medidas como a potenciación do sector industrial, o asesoramento para a modernización do sector económico, a posta a disposición de solo industrial, plans de competitividade ou o fomento do arraigo empresarial, entre outras.

Comercio
Este é un sector fundamental dentro da economía compostelá e, polo tanto, o goberno municipal centra os seus esforzos na configuración de programas de promoción comercial. A tarefa da delegación de Comercio non pode levarse a cabo sen ter en conta un traballo man a man coas asociacións que representan o pequeno comercio tradicional: Centro Comercial Aberto Compostela Monumental, Área Comercial Santiago Centro e Agrupación de Comerciantes de Santiago (Acotes), así como as grandes áreas comerciais: Área Central e Centro Comercial Compostela.

Entre os cometidos desta delegación está a implicación do comercio na rexeneración urbana da cidade e dotar de dinamismo as áreas comerciais da cidade, con especial atención á Cidade Histórica ou ao Ensanche.

Turismo
A Concellaría de Turismo de Compostela atende os visitantes que se achegan á cidade pola súa condición de capital europea, os peregrinos que realizan o Camiño de Santiago e que visitan Compostela non só durante o Ano Xacobeo, e a todas as persoas que se veñen á nosa cidade convocadas por congresos e eventos culturais.

Para atender estas necesidades, a Concellaría xestiona un Plan de Excelencia Turística. O conta cunha empresa municipal, Incolsa, dedicada especificamente á promoción turística da cidade. Esta ten a funcion de posicionar a cidade nun mercado turístico especializado: urbano, cultural-relixioso, congresual e gastronómico; así como por en marcha programas de diversificación e desestacionalización.

Mercados
Santiago conta con tres grandes mercados: o Mercado Nacional de Gando de Amio, a Praza de Abastos e Mercagalicia.

O mercado de Amio é un dos puntos de referencia na venda de gando no norte peninsular e por iso contémplase a adaptación aos novos protocolos da Unión Europea así como a creación dun código de boas prácticas e de obrigado cumprimento para os usuarios. Así mesmo, o mercado de Amio terá que contar cunha nova estación desinfectada de tratamento dos residuos animais.

A reforma da praza de abastos consiste na reestruturación da mesma en catro niveis e na construción dun novo edificio anexo que albergue un supermercado. Os catro niveis cos que contará a praza repartiranse entre tres zonas comerciais e unha na que se gardarán as cámaras frigoríficas e que servirá como almacén e espazo para a preparación de alimentos.

Mercagalicia (Centrales de Abastecimiento de Santiago) é unha sociedade mixta participada polo Concello de Santiago (51%) e a empresa pública estatal Mercasa (49%). A súa actividade principal é a venta maiorista de froitas e hortalizas.


Compartir: