A Concellaría de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo puxo en marcha a Rede de Cooperación Local (RCL) no ano 2004 como instrumento de fomento e creación de riqueza, co obxectivo de favorecer a competitividade e a innovación do tecido industrial de Compostela a través da colaboración entre o mundo empresarial, as institucións e a Universidade de Santiago. Para acadar esta interrelación entre empresariado, institucións e investigadores da USC, organízanse visitas conxuntas, comidas de traballo, conferencias, e distintas accións formativas que van evolucionando segundo as necesidades detectadas en cada momento.

Nos últimos anos sumáronse novos valores á Rede de Cooperación Local: a Fundación Caixa Galicia, a Obra Social Caixa Galicia e a Consellería de Innovación e Industria. As tres entidades únense á USC e a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, que xa viñan colaborando coa Concellaría de Promoción Económica desde que naceu a RCL. Froito desta suma de esforzos é o Estudo do sector industrial de Santiago de Compostela no que se ofrece unha radiografía do tecido empresarial compostelá. Publicado en 2008, supón un avance no coñecemento do noso tecido empresarial e industrial, necesario para definir as suas carencias e as súas potencialidades de cara ao interior (para que as empresas se coñezan entre elas e os recursos de que dispoñen a hora de establecer negocios) e de cara ao exterior (para futuros inversores). Contén información sobre o tecido produtivo do Concello de Santiago, definindo o mapa industrial de Compostela e as características básicas do territorio empresarial. Inclúe unha completa cartografía e unha diagnose da oferta formativa que existe actualmente e dos perfís profesionais demandados polas empresas.


Compartir: