O Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela é o marco operativo das políticas de emprego e promoción económica desenvolvidas pola Concello de Santiago ata o ano 2011. O pacto ten como finalidade reducir as taxas de desemprego a través da creación de emprego de calidade en coordinación cos axentes económicos e sociais vinculados ao desenvolvemento do mercado laboral en Compostela.

Para acadar este obxectivo, o PLE aposta por desenvolver programas de formación e inserción sociolaboral utilizando un sistema de orientación profesional personalizado; por incrementar o volume de servizos persoais a nenos/as, maiores, persoas discapacitadas, coidadores/as, mellorando así a cualificación dos profesionais do sector dos servizos persoais; por favorecer a creación e desenvolvemento de novas empresas na cidade; e por acadar a concertación entre actores locais e destinatarios finais.

Todas estas accións están contempladas no deseño do pacto, que se articula a través do segundo Plan de Acción Local polo Emprego que se desenvolve en Santiago (o primeiro, que rematou en 2008). O proxecto, que ten un orzamento aproximado de oito millóns de euros, contempla a realización de programas de inserción laboral, actividades formativas e xornadas informativas e de difusión que, segundo as previsións, chegarían a máis de 8.000 persoas.

O Concelleiro de Promoción Económica, Emprego, Comercio e Turismo, Xosé Manuel Iglesias, asinou o 1 de abril de 2009, en nome do Concello de Santiago, o Pacto Local polo Emprego de Santiago de Compostela (PLE) con representantes doutras seis entidades vinculadas ao mercado laboral: Universidade de Santiago de Compostela, os sindicatos UXT e CCOO, a Asociación de Empresarios do Polígono Industrial do Tambre, a Asociación de Empresarios de Hostalería, e a Asociación Plataforma polo Emprego.

Os asinantes comprométense a reunir esforzos en materia de emprego, creación de empresas, adaptabilidade e igualdade de oportunidades, co obxectivo de potenciar o desenvolvemento socioeconómico e a xeración de emprego en Santiago. Este compromiso plasmouse a través da sinatura de dous documentos: un acordo marco, asinado por todas as entidades no que se recollen os obxectivos comúns; e acordos bilaterais entre cada unha das entidades e o Concello de Santiago, nos que se especifican as accións concretas que se van desenvolver.


Compartir: